Friday 17 de May de 2024

O albergue de Toxosoutos abre as súas portas ao público tras unha fonda renovación interior ao que se sumarán actividades de dinamización


 

A alcaldesa e o xerente da adxudicataria do albergue visitaron as instalacións acompañados por medio cento de persoas

O albergue de Toxosoutos abre oficialmente as súas portas ao público dende hoxe sábado, tras o éxito da experiencia piloto rexistrada o pasado fin de ano. Unha efeméride que a empresa concesionaria, Karios The Experience Company, quixo conmemorar cunha xornada de portas abertas á que se sumaron medio cento de persoas e á que se sumaron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e os concelleiros de Obras, Ramón Martínez, e Cultura, Silvia Agrafojo.

O xerente de Karios The Experience Company, Miguel García, guiou aos presentes polas renovadas instalacións do albergue, que conta con catro habitacións (unha de catro prazas, dúas de tres prazas e unha dobre) e cun inmoble aparte, denominado “A casiña da Fervenza”, habilitado para dúas ou tres persoas. Todas elas con cadanseu baño e cunha temática diferente e relacionada coa tradición galega: a peneira, o batán, o muíño e o pombal.

“Hoxe abrimos as portas despois de moitos meses de traballo duro en todas as áreas, dende aspectos construtivos ata permisos e burocracia. Un camiño duro pero que agora temos que complementar desenvolvendo experiencias que ofrecerlle ao viaxeiro porque esas experiencias son tanto ou máis importantes que as propias instalacións”, explicou Miguel García. Ademais, aproveitou a presenza da alcaldesa para anunciarlle que “imos pasarnos polo Concello para presentar proxectos para dinamizar e poñer en valor este lugar, que ten moito máis que ofrecer que o mosteiro e unha contorna espectacular coas fervenzas e o río”.

Posta en valor

Pola súa banda, Teresa Villaverde amosou a súa satisfacción pola posta en marcha do albergue, que cualificou como “un pasiño máis na posta en valor de Lousame, o noso patrimonio e a nosa natureza”. Neste sentido, lembrou que “recentemente puxemos en marcha o miradoiro da Muralla, que trouxo a tal cantidade de xentes que atascou os accesos na súa primeira fin de semana. E estamos traballando na posta en valor do monte de San Lourenzo, un sobreiral como non hai en Galicia, con configuracións graníticas espectaculares e un miradoiro sobre a Ría de Muros-Noia. E moitos máis pasiños pequeniños para dar a coñecer Lousame e poñer en valor esta fermosa terra”. Así mesmo, Villaverde Pais explicou que o trazado do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia pasa pola contorna, “o que será tamén un punto de atracción de visitantes”.

O Concello de Lousame porá a disposición da empresa adxudicataria tres fincas de natureza rústica na parroquia de San Xusto (de 210, 5.024 e 581 m2) e tres bens de natureza urbana: a antiga reitoral (onde van as catro habitacións, sala de xuntas, cociña e cafetería-comedor), unha edificación anexa (a Casiña da Fervenza) e o muíño, que dispoñen de auga, luz e depuración de augas residuais. Unha contorna que está cedida ao Concello de Lousame polo Arcebispado de Santiago de Compostela por un período de 30 anos, en virtude dun convenio asinado o 15 de marzo de 1996 para destinalo a actividades de carácter cultural, social, educativo e turístico.

Finalmente, Miguel García adianta que xa se poden facer reservas a través de coñecidos portais de Internet e que en breve porán en marcha unha páxina web (www.mosteirodafervenza.es) para facilitar as inscricións.